Descubre a cidade

Como todas as cidade de vello  A Coruña agocha nos seus recunchos historias e segredos que non sempre se atopan nas guías turísticas e que non deberías perder.

Acompañanos!

1. Praza das Bárbaras.

Todo coruñés que se precie, se lle preguntas, sen dúbida dirá que é un dos seus cornechos preferidos, ou polo menos, un dos que ten máis encanto. O seu nome oficial é Praza de Santa Bárbara, pero coñecese como  Praza das Bárbaras. As acacias  centenarias e os castiñeiros das indias   xunto co cenobio e a igrexa (fundados na Baixa Idade Media, baixo a  advocación de Santa bárbara, Patrona da cidade en tempos de tormenta onde destaca o relevo colocado sobre a porta que representa o xuízo final, co sol, a lúa e  San Miguel, pesando as almas) conforman esta praza sosegada onde experimentarás un recollemento tal, que sentirás que estás lonxe da cidade e preto de Deus.

Sabías que, a súa igrexa está aberta os 365 días do ano 24 horas ao día (só pecha unha hora para a súa limpeza).

2. Xardín de San Carlos.

Preto das Bárbaras atopamos un xardín “secreto”, nacido como fortaleza no s. XIV  e convertido en xardín no s. XVIII o seu deseño foi variando ao longo dos séculos. Destacan o seu miradoiro dende onde se  pode ver toda a fachada marítima da cidade, as numerosas especies de árbores e a tumba de Sir John Moore, que ocupa o centro do lugar.

Sabías que Conta a lenda que neste xardín romántico, podemos tropezar , cada 16 de xaneiro ( data da batalla de Elviña onde faleceu o Xeneral británico Sir John Moore), coa pantasma da súa prometida: Lady Hester Stanhope, que ven visitar ao seu antigo amor.

3. Ruínas de San Francisco.

Seguindo coa nosa ruta pola Cidade Vella da Coruña,(que por certo, sabiades que é o casco vello con máis igrexas por metro cadrado de toda Galicia?) atopamos as ruínas de San Francisco, que pasan case sempre desapercibidas para os coruñeses e visitantes, e sen embargo,  son testemuñas da historia da cidade e mesmo da de  España. O Convento de San Francisco, creado nos albores do século XIII, funcionou como hospedaxe de reis e persoeiros ilustres ( contan as crónicas que había listaxe de espera para  aloxarse nel! sería o equivalente a un Hotel de 5 estrelas a día de hoxe)entre eles: Alfonso XI,  Carlos I, que celebrou alí Cortes antes de embarcar rumbo a Alemaña)e Felipe II; Súfreu dous incendios que o derruíron por completo, funcionou como cárcere e dependencia do Exército, para finalmente  converterse nunha ruína.

Sabías que  a igrexa do convento foi declarada Monumento Nacional no ano 1939 e que no ano 1964 foi trasladada, pedra a pedra!, a outro emprazamento da cidade, aínda que na súa nova localización foi fortemente modificada.

4. Prazas de Azcárraga e Constitución.

A CIDADE Vella non é o casco antigo máis grande de Galicia nin sequera o máis importante, pero nel atopamos rúas, rueiros e prazas que nos invitan a pasear e imaxinar. 

Sabías que na Praza da Constitución podes atopar tres estilos arquitectónicos diferentes noutros tantos edificios?

 Temos :

  • O Románico da Igrexa de Santiago: Nun dos cornechos da praza están os ábsides, románico en estado puro, que conforman a cabeceira da igrexa. E a parte mellor conservada desta.
  • O Renacemento na Torre Herreniana da mesma igrexa, que dá acubillo ao campanario. Levantada no 1607 substitúe as dúas torres orixinais, que foron demolidas debido ao seu estado ruinoso.
  • E por último o Neoclásico do Palacio de Capitanía, que garda na súa fachada,  un dos primeiros escudos de Galicia nun edificio Público.

Pero non rematamos aquí, a continuación da Praza da Constitución está a Praza de Azcárraga, coa que conforma un único espazo continuado. Notaremos que chegamos a ela polo arrecendo característico dos plátanos, freixos e magnolios que a habitan. No centro, a Fonte do Desexo, que co seu continuo  discorrer de auga dota ao lugar dun encanto especial.

Sabías que tamén se coñece como a praza da Fariña porque durante anos era onde se realizaba a venta dos grans, ademais de celebracións e cerimonias de tipo público, o que fixeron dela a primeira proposta dunha praza maior na Coruña.

5. Igrexa de San Jorge.

Situada en pleno centro da Coruña a Igrexa de s. Jorge  atópase na praza do Marqués de S. Martín, de estilo barroco é un dos poucos exemplos do  estilo de placas composteláns na cidade da Coruña. No seu interior destaca o esquema construtivo de Vignola, por ser unha igrexa da orde dos xesuítas, e destaca tamén a súa exuberante decoración, é obrigado salientar os altares dos extremos do transepto  que conteñen dúas táboas onde se representa a Anunciación e as Ánimas no purgatorio  de Agustín Robles .

S. Jorge garda  unha historia complexa debido a que a súa construción foi moi lenta e non exenta de retrasos e  inconvenientes. Comezou a súa construción en 1693 e rematouse en 1906.

Sabías que o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo tivo lugar nesta igrexa no ano 1901.Marcela Gracia e Elisa Sánchez, casaron logo de que Elisa cambiara o seu nome por Mario Sánchez. Unha vez que o párroco descubriu o engano, foron excomungadas e perseguidas, tendo que partir cara Arxentina. A igrexa nunca anulou a acta matrimonial .

6. A muralla medieval.

Como toda cidade medieval, a cidade vella da Coruña estaba rodeada dunha muralla que en palabras de Le Goff  é “ un fenómeno técnico, militar, económico, social, político define o de fóra e o de dentro,  as relación dialécticas entre a cidade e os arredores” a que se accedía nun principio solo por unha porta principal que estaría onde hoxe está Porta Real  a que posteriormente se engadiron dúas portas principais máis:

Porta de aires ( da que se conserva non solo a localización, senón tamén o nome ) e Porta do Parrote, que tamén conserva o nome e mesmo a porta.

Sabías que   nunha das portas de mar que aínda se conservan. A Porta de San Miguel,   atopouse en escavacións recentes a verdadeira porta pola que Carlos V embarcou rumbo a Alemaña, para ser coroado emperador.

E ate aquí a nosa pequena selección de recunchos, para máis información recomendamos consultar a web oficial Turismo da Coruña, onde se poden visualizar e descargar dende guías de ocio ate planos da cidade.

Oficina Turismo María PitaOficina Turismo Torre de Hércules
Praza de María Pita, 6Avenida de Navarra, s/n
15001 A Coruña15002 A Coruña